Santiago, 31 de Maio de 2017.
A Sociedade Galega de Radioloxía (SGR) tendo coñecemento da convocatoria pola empresa MEDTRONIC dun proceso para a adquisición dun equipo de tomografía computarizada (TC) e outro de resonancia magnética (RM) para a área cardiovascular do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, expón o noso apoio e adhesión ao manifestado pola SERAM en relación a este asunto.
Consideramos que o uso exclusivo ou prioritario dos devanditos equipos pola área Cardiovascular supón:
– Que rompe o concepto básico do noso Sistema Nacional de Saúde polo que os Servizos Centrais (Radioloxía) son os garantes da utilización racional e equitativa dos equipos de alta tecnoloxía, nos que se realizan exploracións de TC e RM a pacientes procedentes de todas as especialidades e con todo tipo de patoloxías.
– Que se quebranta a necesaria equidade que debe existir no acceso aos recursos de todos os pacientes, especialmente tendo en conta que os estudos cardíacos non supoñen máis do 5% do total dos estudos de TC e RM realizados actualmente.
Por todo iso a SGR considera:
– Que os equipos de TC e RM que se pretenden instalar en de o CHUS deben ser utilizados para realizar exploracións a todos os pacientes e non soamente nin prioritariamente aos da área Cardiovascular. Que non se pode xustificar esta adquisición argumentando a prioridade pola urxencia e/ou mortalidade das enfermidades cardíacas xa que non é maior que as cerebrovasculares e oncolóxicas (mama, próstata, etc.).
– Que o Servizo de Radioloxía debe ter un papel fundamental na xestión dos equipos e na realización dos informes asociados aos estudos que se realicen neles.