Carta aberta da SGR en relación co uso da Telerradioloxía na nosa Comunidade

Santiago, 30 de Setembro de 2010.

A Xunta Directiva da Sociedade Galega de Radioloxía, ante a inquietude xerada entre a Comunidade Radiolóxica de Galicia pola presentación da Plataforma Diagnóstica do SERGAS considerou oportuno facer públicas as suas liñas de opinión para que poidan ser útiles tanto para os Radiólogos da Sociedade como para as autoridades sanitarias galegas en relación co desenvolvemento futuro da telerradioloxía na nosa Comunidade. Tras tres reunións, o grupo de traballo conseguiu o consenso nos 8 pontos que se expoñen a continuación e que tratan de conxugar o coñecemento científico ó respecto coa sua aplicación no entorno da nosa comunidade.

 

1. A telerradioloxía debe estar regulada en función de criterios de calidade. En ausencia de estándares de calidade na nosa comunidade ou no estado español a Sociedade Galega de Radioloxía (SGR) recomenda como referencia as seguintes guías internacionais:

·    Telerradiology Guidelines publicado por European Society of Radiology(ESR)
·    Telerradiology in the European Union (White Paper) publicado por ESR
·    ACR standard for telerradiology publicado por American College of Radiology.

2. En ningún caso a telerradioloxía pode substituir á radioloxía clínica e só deberá facelo en situacións excepcionais nas que non exista dispoñibilidade de radiólogos no centro de orixe ou como complemento ó traballo destos para dar solución a problemas puntuais.

3. A telerradioloxía pode contribuir á mellora da radiolxía clínica en consulta avanzada, especialmente entre radiólogos.

4. En ningún caso a telerradioloxía debe ser contemplada con criterios economicistas. Debe ser, ante todo, unha ferramenta que contribúa a mellorar a asistencia radiolóxica.

5. A SGR recomenda ás autoridades sanitarias da nosa comunidade a creación de grupos de traballo que analicen os problemas específicos da radioloxía galega e a mellor solución a cada un deles. A telerradioloxia debe ser contemplada como unha ferramenta adicional.

6. A SGR considera importante, e máis na actualidade, a eliminación de estudos radiolóxicos innecesarios. Deberían favorecerse protocolos clínico-radiolóxicos dos procesos nos que se detecte unha desviación do uso racional das exploracións, velando polo bo facer naqueles procedimentos que poidan resolverse con exploracións non ionizantes como a Ecografía, con indicacións ben establecidas pero ameazadas se non se dispon Facultativos do Servizo de Radioloxía presenciais. A SGR quere expresar a sua preocupación ante un posible agravio comparativo no acceso ás distintas técnicas de diagnóstico por imaxe polos pacientes segundo o seu lugar de residencia.

7.Deberán establecerse mecanismos para que a radioloxía simple sexa informada na sua totalidade – que por outra parte é un requermimento legal – e a iso pode contribuir a telerradioloxía. Un número elevado de estudos radiolóxicos simples, especialmente de urxencias, carecen de informe radiolóxico por falta de recursos e isto contribúe a diagnósticos erróneos con grande prexuizo para os pacientes e é motivo, non infrecuente, de cuantiosas indemnizacións por parte da administración.

8. A SGR é consciente da dificultade de dispor de persoal estable nos Hospitais comarcais e especialmente para a prestación de asistencia continuada con un número reducido de radiólogos. Neste sentido sería desexable a estabilización do seu persoal e a procura de fórmulas que aumenten a relación entre os radiólogos do Hospital comarcal e os do seu hospital de referencia.

Utilizamos cookies para realizar un registro y seguimiento de la actividad general de los usuarios en la web. Al continuar con la navegación entendemos que se acepta nuestra Política de cookies política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies